25 abril 2024
Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en Linkedin
A emisión total de CO2 das industrias galegas sitúase por primeira vez por debaixo da suma das asignacións individuais
Comparte   
14 Apr 2010 | 13:42h
A emisión total de CO2 das industrias galegas sitúase por primeira vez por debaixo da suma das asignacións individuais
As industrias galegas reduciron por primeira vez as emisións de CO2 por debaixo das cotas establecidas (os chamados dereitos de emisión). Así, os 10,82 millóns de toneladas de dióxido de carbono declaradas polas instalacións da comunidade galega durante o ano 2009 representan a cifra máis baixa dos últimos cinco anos. Ademais, esta cifra representa un descenso do 10,77% con respecto ás emisións declaradas no ano 2008.

Analizando os datos sectorialmente, a produción de enerxía eléctrica foi o sector que experimentou un maior descenso en termos absolutos (1,06 millóns de toneladas) pero, aínda así, segue a representar o 72,44% das emisións totais declaradas. En termos relativos, cabe salientar os descensos nas emisións no sector da produción cerámica e na fabricación de aceiro, que experimentaron diminucións do 29,01% e do 25,32% respectivamente.




EVOLUCIÓN 2005-2009

Emisións e asignación de dereitos
Por primeira vez dende que se iniciou o comercio de dereitos de emisión en Galicia en 2005, as emisións totais de CO2 das instalacións afectadas por dito control son inferiores á suma das asignacións individuais aprobadas polo Goberno Español para o ano 2009. Aínda así, non todas as instalacións emitiron por debaixo da cota asignada. Das 62 instalacións autorizadas en Galicia, 50 declararon emisións inferiores ás asignadas, mentres que 12 superaron a cota establecida. Dende un punto de vista sectorial, todos os sectores emitiron globalmente por debaixo do asignado, agás no sector enerxético onde o excedente de emisións foi de 570.443 toneladas respecto ao asignado.

Emisións do sector directiva fronte as emisións totais de Galicia
As emisións de CO2 declaradas polas instalacións sometidas ao comercio de dereitos de emisión en Galicia (denominado comunmente sector directiva) representan unha parte significativa das emisións de gases de efecto invernadoiro de Galicia. As emisións totais de gases de efecto invernadoiro de Galicia determínanse a partir dos datos do Inventario Nacional Español elaborado polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino e contabiliza as emisións antropoxénicas dos gases considerados de efecto invernadoiro directo (CO2, CH4, N2O, hidrofluorocarburos (HFC), perfluorocarburos (PFC) y SF6) procedentes de 6 sectores: procesado da enerxía, procesos industriais, uso de disolventes e outros produtos, agricultura, tratamento e eliminación de residuos e cambios do uso do solo e silvicultura e tratamento e eliminación de residuos.

O último dato dispoñible de emisións de gases de efecto invernadoiro na Comunidade Autónoma de Galicia corresponde ao ano 2007 e ascendeu a 35,37 Mt de CO2equivalentes. As emisións procedentes das instalacións sometidas ao comercio de dereitos de emisións representou nese ano 2007, o 50% das emisións totais de gases de efecto invernadoiro de Galicia.

Fuente: Consellería de Medio Ambiente