23 Jul 2013 | 12:33h
Galicia, segunda comunidade na que máis crecen as exportacións
Galicia é a segunda comunidade na que máis se incrementan as exportacións no que levamos de ano, alcanzando os 7.111 millóns de euros. Segundo os datos publicados hoxe polo Ministerio de Economía e Competitividade, Galicia experimenta un crecemento das exportacións dun 14,6% de xaneiro a maio con respecto ao mesmo período do ano anterior, fronte ao 7,4% do conxunto de España, só superada por Madrid, comunidade onde aumentaron un 22,6%. Ademais, a balanza comercial galega presenta un saldo positivo de 1.276 millóns ata maio, máis do triplo que o logrado de xaneiro a maio de 2012.
Por sectores, as exportacións de bens de equipo experimentaron un incremento do 22,6% no que levamos de ano, sumando 1.110 millóns de euros, as manufacturas un 21,5%, con 1.825,8, e o automóbil un 11,3%, con exportacións por 1.490 millóns de euros de xaneiro a maio. Con respecto ao mesmo mes do ano anterior, as exportacións galegas incrementáronse un 11,6%, fronte ao 7,3% do conxunto de España.
Estes datos reforzan a aposta da Xunta por impulsar a internacionalización do tecido empresarial galego como unha das claves para a reactivación económica, incrementando nun 10% os orzamentos destinados a este ámbito ata superar os 20 millóns de euros co obxectivo de seguir avanzando na proxección exterior das empresas galegas.
Neste eido, está aberta ata o día 2 de agosto a presentación de solicitudes para as axudas para a organización de misións comerciais inversas, así como para proxectos de prospección internacional en novos mercados. Tamén se mantén aberta a convocatoria do plan Primex 2013, para facilitar as primeiras implantacións comerciais de grupos de empresas galegas no estranxeiro. Estas axudas súmanse ás do programa ReExport, que prevé mobilizar 8 millóns de euros en préstamos avalados polo Igape para financiar os custos das exportacións, ou o programa para a incorporación de xestores especializados en internacionalización ás empresas galegas.
A boa marcha das exportacións súmase a outros indicadores económicos como a cifra de negocio da industria, que experimenta un incremento dun 5,5% interanual en Galicia en maio, situándose tamén como a segunda comunidade cun maior aumento, fronte á caída dun 2,1% no conxunto de España.
Tamén o Índice de produción industrial (IPI) medrou un 1,4% en Galicia no mes de maio, un dato que contrasta co descenso no conxunto nacional, onde a produción industrial baixou un 1,3% segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística.
Fuente: La Voz de Galicia