19 mayo 2024
Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en Linkedin
Galicia, un ano máis, líder en Europa en bandeiras azuis
Comparte   
31 May 2011 | 09:26h
Galicia, un ano máis, líder en Europa en bandeiras azuis
Galicia situouse de novo en 2011 como a Comunidade
con máis bandeiras azuis de Europa, un total de 130
entre praias e portos deportivos, a pesar de que o
número de areais con este distintivo reduciuse en
cinco (pasou de 122 a 117) desde o ano pasado, de




acordo coa listaxe feita pública pola Asociación de
Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac-FEE).
Con estas cifras, Galicia volve ser a Comunidade con
máis bandeiras azuis, con 130 (117 de praias e 13 de
portos); seguida da Comunidade Valenciana (116
bandeiras), Cataluña (108 bandeiras), e Baleares, con
85 recoñecementos. Concretamente, a Comunidade
galega acapara case a cuarta parte do total das
bandeiras azuis concedidas ás praias españolas,
converténdose na rexión europea con máis distintivos.
Este ano, aparecen na lista 12 novos areais galegos:
Patos (Nigrán); Carracido e Fortinón (Vigo), A
Xunqueira (Moaña) e A Lapa (Sanxenxo) na provincia
de Pontevedra. Na Coruña incorpóranse Ornanda e As
Furnas (Porto do Son); Santa Cristina (Oleiros);
Carnota e Mar de Lira (Carnota); Quenxe (Corcubión) e
San Francisco (Muros). Para rematar, na provincia de
Lugo cóntase como novidade a inclusión da praia de
Fontela-Valea (Barreiros), pero desaparecen da listaxe
de areais con bandeira azul algún tan recoñecido como
As Catedrais (Ribadeo). Así mesmo, perden a
distinción Arealonga (Barreiros); Caosa (Cervo) e Ril
(Burela). No que se refire á Coruña, tampouco repiten
este ano Langosteira (Fisterra); Balarés (Ponteceso);
Da Ribeira (Miño); Esteiro (Mañón); Razo (Carballo);
Cobas (Ferrol); A Barca (Pobra do Caramiñal);
Ameixida (Ribeira) e A Concha (Ortigueira). En
Pontevedra, non aparecen con bandeira azul A Ribeira
(Baiona) A Punta e O Tombo do Gato (Vigo), nin Baltar
e Panadeira (Sanxenxo).
Respecto aos portos, este ano, foron distinguidos coa
bandeira azul un total de 13 portos deportivos en
Galicia, co que se suman tres novos á lista: Club
Náutico Portonovo na provincia de Pontevedra; Club
Náutico Deportivo de Ribeira e Club Náutico de Sada
na provincia da Coruña.
Sanxenxo, á cabeza dos municipios españois
Sanxenxo aínda pode presumir de ser o municipio
español onde máis bandeiras azuis avalan a calidade
das súas praias con doce areais distinguidos aos que se
suma a bandeira que recibe o Club Náutico de
Portonovo. Séguelle o municipio de Vigo con oito
praias distinguidas.
Ademais, este ano o programa Bandeira Azul puxo en
marcha o proxecto piloto de Sendeiros Azuis que
enlazan praias con este distintivo de calidade. No caso
de Galicia, seleccionáronse dous itinerarios en Foz
(Lugo) e en Baiona (Pontevedra). Así mesmo,
incorpóranse catro novos centros Bandeira Azul na
Comunidade, que ten xa once.
Doutra banda, o xurado internacional concedeu as
bandeiras azuis en recoñecemento aos servizos de
Salvamento, Socorrismo e Primeiros Auxilios de
Oleiros (A Coruña) e outorgou o distintivo temático á
Información e educación ambiental a Vigo
(Pontevedra).