12 julio 2025
Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en Linkedin
O Club financiero de Vigo acollerá o día 21 un foro de debate sobre innovacion aberta e novos modelos de negocio TIC
Comparte   
19 Sep 2011 | 09:25h
O Club financiero de Vigo acollerá o día 21 un foro de debate sobre innovacion aberta e novos modelos de negocio TIC
Vigo, 17 de setembro de 2011. As fórmulas de “Open Innovation” e as oportunidades de negocio no ámbito das TIC serán os temas centrais da nova edición do Foro INEO, que se celebrará o vindeiro mércores 21 de setembro, a partir das 10:00 horas, no salón Otero Pedrayo do Club Financiero de Vigo. A inscrición é gratuíta e debe formalizarse vía e-mail (comunicacion@ineo.org) ou no teléfono 902 905 510.

O obxectivo deste Foro INEO, financiado pola Consellería de Economía e Industria, a través do IGAPE; é amosarlles ás empresas a necesidade de traballar con novos modelos de negocio baseados na innovación. Ao mesmo tempo, reflexionarase sobre as novas tendencias no sector TIC para presentar novos produtos e servizos que atendan as necesidades de desenvolvemento presentes e futuras dos distintos sectores produtivos.




Maite Cancela, Directora de BIC Galicia, Norberto Penedo, Director da Área de Competitividade do IGAPE e Jorge Cebreiros, Presidente de INEO, inaugurarán ás 10:00 horas esta xornada de debate.

De seguido, Santiago Pérez-Castillo, MBA por Anglia University of Cambridge, MSc pola Cranfield University de Bedford, Enxeñeiro Industrial Superior e Interim Manager cunha ampla experiencia directiva en importantes grupos multinacionais e en pemes; explicará ‘Como adaptar o modelo de negocio aos cambios do mercado”.

A esta intervención, seguiralle a exposición “Os stakeholders e Open Innovation”, impartida por Alexandre Bastos, Enxeñeiro de Telecomunicacións na ETSET da Universidade de Vigo e con máis de oito anos de experiencia en centros de investigación e en áreas de I+D de empresas como Televés e Blusens.

Por último, Lisa Martínez Gomis abordará as novas oportunidades de negocio no sector TIC, como o cloud computing. Martínez Gomis é Directora de Desenvolvemento de Negocio para España e Portugal de Exa Series, empresa á que chegou logo dunha traxectoria profesional vencellada á consultoría e dirección de preventa de diversas compañías de telecomunicacións, tanto en mercados europeos como americanos.

A xornada pecharase cun debate, no que asistentes e relatores abordarán as oportunidades que ofrece a innovación aplicada á xestión e á definición dos modelos de negocio actuais.

Sobre INEO
INEO é o referente asociativo empresarial no sector TIC de Galicia. Intégranse nesta organización máis de 80 empresas de acreditada experiencia nas áreas de actividade de Hardware, Software, Redes e Telecomunicacións, Internet e Contidos, Formación TIC e Consultoría TIC. A facturación das empresas asociadas de INEO supera os 250 millóns de euros e, todas elas, dan emprego a preto de 3.300 profesionais.

As empresas de INEO traballan implicándose de forma activa e sostida no desenvolvemento da súa contorna socio-económico, promovendo a implantación das Tecnoloxías da Información e Comunicación, a innovación baseada na xestión do coñecemento e a aprendizaxe permanente, como elementos chave para competir nun contexto de mercado global.