20 abril 2024
Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en Linkedin
O galego traspasa fronteiras
Comparte   
08 Jul 2014 | 16:10h
O galego traspasa fronteiras
O galego desperta interés en moitos países europeos e incluso ao outro lado do océano Atlántico. Varios estudantes de España e doutros países participarán no sétimo curso de verán de Lingua e Cultura Galegas para estranxeiros que organiza a Universidade da Coruña e no cal colabora economicamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Quince alumnos asistirán durante este mes ás clases, que se impartirán na facultade de Filoloxía e que se complementarán con outras actividades, como saídas culturais e obradoiros de música e gastronomía. Os participantes son de Italia, República Checa, Croacia, Reino Unido, Rumanía e Brasil. Tamén hai estudantes doutros territorios de España: Navarra, León e Madrid.




Unha das profesoras que imparte o curso, Pilar Díaz, explica que é "gratificante" ver como a xente de distintos lugares do mundo mostra interese polo idioma galego. "É moi interesante ver como outras persoas mostran un interese que non ten a xente que naceu e vive na propia Galicia", sinala. A mestra destaca que noutros anos que deu clase puido ver unha "evolución positiva" ao rematar o curso.

As clases comezaron onte despois da presentación que tivo lugar pola mañá na Reitoría da Universidade e está previsto que rematen o 24 de xullo. Pilar Díaz tamén comenta que neste espazo de tempo que pasa cos alumnos pode sentir o interese que teñen en "coñecer a cultura" do territorio galego. Un dos obxectivos do curso é que os participantes poidan profundizar na cultura galega, ademais de ampliar os seus coñecementos sobre a lingua. Os estudantes farán un percorrido pola cidade de A Coruña, visitarán Santiago de Compostela e realizarán unha viaxe á comarca do Barbanza para visitar a Casa Museo de Rosalía de Castro. Tamén terán a oportunidade de acercarse ata a vila de Rianxo, onde poderán ver as casas de tres escritores tan ilustres como Alfonso Rodríguez Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio, que se atopan na rúa de Abaixo.

Fuente: La Opinión de A Coruña