29 Oct 2013 | 10:57h
Soben un 12% os fondos para prevención, extinción e infraestruturas forestais
A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou que os presupostos do seu departamento para 2014 consideran un aumento do 12%, ata 96 millóns de euros, nos fondos destinados a accións preventivas, extinción de incendios e infraestruturas forestais nos montes da comunidade.
Durante a súa comparecencia ante a comisión de economía do Parlamento galego para presentar as contas da consellería para o ano que vén, Quintana sinalou que o "axuste á baixa" dos números globais de Medio Rural e do Mar será de 44 millóns de euros, unha "contracción" do 7% do gasto, co que contará con 583 millóns de euros.
Unha cantidade que, segundo defendeu, deberá servir "para apuntalar unha actitude de confianza na saída desta crise", nun escenario combinado de "transición", pola reprogramación de fondos europeos tanto para o agro coma para a pesca, e "realismo""debido á necesidade" de manter o equilibrio presupostario.
Fronte a este discurso, os voceiros da oposición -- PSdeG, AGE e BNG-- criticaron que a Administración autonómica reduza os recursos que destina a dous sectores "estratéxicos" para Galicia como o campo e o mar, nuns proxecto que o voceiro socialista, Pablo García, cualificou de "presupostos da amortización", na mesma liña que o deputado de Alternativa Antón Sánchez, quen advertiu de que "ano tras ano a bóla de neve da débeda segue crecendo" e o pagamento de intereses "cada vez come máis contía.
Pola súa banda, o parlamentario do Bloque Daniel Rodas mostrouse "moito máis preocupado ao comprobar como desaparecen" ambos os dous sectores --medio rural e mar-- das contas públicas de Galicia do ano que vén, mentres que o popular José Manuel Balseiro lamentou "o catastrofismo da oposición" para valorar que o proxecto é "realista" e se soubo "priorizar". "Hai razóns para entender que as políticas de combate da crise están a dar os seus resultados", opinou o voceiro do PPdeG.
Fuente: El Correo Gallego