24 May 2012 | 09:39h
A Asemblea Xeral do Cluster TIC Galicia será de portas abertas
A Asemblea Xeral Ordinaria do Cluster TIC Galicia, que se desenvolverá este venres, día 25, en Santiago de Compostela, a partir das 17 horas, será de portas abertas e estará precedida pola Lacon Network. O Cluster é deste xeito o organizador da 28a edición desta xa clásica xuntanza periódica de emprendedores vencellados ao sector galego das tecnoloxías de información e das comunicacións, actuando o operador R como patrocinador do evento.
A 28a Lacon Network (#LaconNetwork) dará comezo ás 13 horas, cunha charla a cargo de Juan Santesmases, conselleiro delegado de Zitralia, quen exporá as claves do éxito deste e outros proxectos, así como a súa visión sobre o futuro inmediato do sector. Zitralia é unha compañía especializada no desenvolvemento de sistemas de seguridade avanzada en entornos distribuídos e sistemas de acceso remoto que, pola súa capacidade innovadora, foi incluída no Top-100 de la revista Red Herring. Tras a finalización da conferencia darase paso á comida informal e de networking típica de todas as edicións deste evento.
Ás 17 horas, en primeira convocatoria, e ás 17:30, en segunda, os socios do Cluster están chamados á Asemblea Xeral Ordinaria, que será de portas abertas, polo que é previsible a asistencia de emprendedores e empresarios non integrados na entidade pero que teñan participado na Lacon Network e queiran quedarse a coñecer de primeira man o labor do Cluster TIC Galicia.
Tanto a conferencia e a comida da Lacon Network como a Asemblea Xeral do Cluster terán lugar no Hotel Los Abetos, no barrio compostelán de San Lázaro.
Sobre o Cluster TIC Galicia
O Cluster TIC Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro destinada a vertebrar o macro-sector galego das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, un ámbito de actividade que representa o 4,8% do PIB da Comunidade Autónoma e 16.000 empregos directos. O Cluster traballa para poñer en valor o macro-sector TIC, impulsando a colaboración entre as empresas, coordinando os esforzos dos diferentes axentes para o impulso da innovación, a competitividade, a saída a novos mercados e a cooperación coas administracións e institucións. Nel intégranse empresas, asociacións empresariais e colexios profesionais.