18 julio 2025
Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en Linkedin
Tecnópole organiza unha conferencia sobre coaching para o emprendemento e a innovación
Comparte   
09 May 2012 | 09:43h
Tecnópole organiza unha conferencia sobre coaching para o emprendemento e a innovación
Tecnópole-Parque Tecnolóxico de Galicia organiza o próximo 25 de maio unha conferencia sobre coaching para o emprendemento e a innovación tras a que presentará a súa nova sala de coworking, un espazo de traballo orientado a profesionais autónomos con todos os servizos adaptados ás necesidades específicas deste colectivo.

A conferencia, impartida por Thinkin' Coaching en horario de mañá, presentará aos asistentes o coaching como un proceso creativo útil para o desenvolvemento das competencias persoais e profesionais, con especial atención á súa capacidade para potenciar as aptitudes e habilidades relacionadas co emprendemento e a innovación.




O coaching é un proceso de axuda orientado á consecución de obxectivos que non consiste en que o coach transmita coñecementos ao participante, senón que, mediante o uso de competencias como a escoita activa e a pregunta, consiga provocar que este atope as súas propias solucións "das que até ese momento non era consciente", en forma de accións para alcanzar o obxectivo que pretende. Neste caso, os obxectivos serán dous: emprender e innovar.
A conferencia está fundamentalmente dirixida a directivos, emprendedores e persoas que se están a expor ao inicio dun novo proxecto empresarial ou desexan establecer novos plans de negocio nas súas organizacións.

O prazo de inscrición para a xornada está aberto e o rexistro pode realizarse enviando os datos de contacto a conferencias@thinkincoaching.com.

Aínda que a conferencia será totalmente gratuíta, os asistentes poderán colaborar voluntariamente cunha campaña de recollida de xoguetes para os nenos máis desfavorecidos, polo que se poderá entregar un xoguete a cambio da inscrición.

20 aniversario

A posta en marcha da sala de coworking de Tecnópole, así como esta conferencia sobre coaching especializado nos ámbitos do emprendimiento e a innovación, terán lugar no marco da celebración do 20 aniversario da entidade.